sábado, 31 de xaneiro de 2015

Plantas autóctonas, alóctonas, invasoras, naturalizadas, invasoras e malas herbas

As plantas autóctonas son aquelas que se orixinaron nun territorio ou chegaron ata el sen invervención humana (sexa esta intencionada ou non) procedentes da área onde se orixinaron.

As plantas alóctonas, ou exóticas, son as que se encontran nun territorio debido á introdución intencionada ou accidental por parte do home, ou que chegaron sen intervención do home dende territorios onde son alóctonas.

As plantas naturalizadas son aquelas plantas alóctonas que conseguen establecerse no medio natural: manteñen as súas poboacións polo menos durante 10 anos, sen intervención directa do home, mediante o recrutamento de sementes ou órganos vexetativos capaces de desenvolverse por si mesmos.

As plantas invasoras son aquelas plantas naturalizadas capaces de producir descendencia, a miúdo en grán número e a considerable distancia dos proxenitores, tendo polo tanto a capacidade potencial de estenderse nun amplo territorio.

Para considerar unha planta invasora algúns autores consideran un requisito adicional que produzan impactos negativos sobre a biodiversidade, como sucede na definición de UICN (2000): planta invasora é aquela especie alóctona que se establece en hábitats ou ecosistemas naturais ou seminaturais e que é un axente de cambio e ameaza da biodiversidade natural.


As malas herbas, que constitúen a "flora arvense ", son en ocasións plantas invasoras, pero non sempre; a súa principal característica é que crecen en lugares onde non se desexa a súa presenza e que normalmente teñen efectos económicos ou ambientais en actividades agrícolas ou forestais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario