G: Herba do aire , Herba da fístula, Golfán, Tapadeiras, Ambroíño de río, tapadeiras, nenúfar
C: Nenúfar, Escudete de río, Ninfea, Lirio acua´tico, Higo de río, Coberteras, aguapé blanco, azucena de agua, escudete de Europa, golfán blanco o rosa de Venus. Máis
As tapadeiras aparecen en ríos de pouca corrente e lagoas de toda Galiza onde florea entre xuño e xullo. O nome de tapadeira fai referencia ao xeito de cubrir ou tapar a tona da auga coas súas follas. O termo ambroíño de río fai referencia á forma do froito, coma un ambroíño (unha ameixa)
Hábitat: cursos de auga tranquilos e os estanques nas rexións mornas de Europa. Soporta tamén augas contaminadas
Usos: A utilización xeral é como ornamental. As sementes poden usarse como sucedáneo do café e as flores poden conservarse en moira.
Lenda de Cupido e Ninfea
Irritado dos desprezos da deusa Diana, Cupido tomou un día as súas frechas, montou o seu arco, colleu unha delas e apuntouna ao corazón de Diana. A frecha voou ao seu branco, pero non feriu a Diana, quen nun rápido movemento logrou esquivala. Non obstante, a frecha atravesou o seo de Ninfea, unha das ninfas de Diana.
Ninfea quedou así namorada, e o seu corazón experimentou o que nunca antes sentira; un ardor descoñecido consumíaa. Debateuse entón entre un desexo cego e o pudor. Maldiciu as leis austeras, e amargamente queixouse do xugo que lle impoñía a necesidade. Tratou dentro de si de arrancar a frecha, pero non puido. Lanzando xemidos e queixas lanzouse aos bosques. «Oh, pudor! -exclamou-; ti, o máis precioso e máis belo adorno dunha ninfa sagrada; se o meu espírito é culpable para contigo dun sentimento vivo que che ofende, o meu corpo aínda está inocente; que sexa suficiente esta vítima para a túa cólera excelsa; que esta pura onda me lave dun crime que concibín para a miña pena, e que a miña vontade con horror detesta.» Así dixo, e levantando ao ceo os seus ollos, anegados de bágoas, precipitouse ás augas. As súas compañeiras mentres tanto buscábana. As dríades finalmente encontrárona. Diana deplorou o horrible destino de Ninfea, pero non permitiu que o seu corpo se somerxese. Sobre as ondas da auga, fíxoo flotar, e converteuno na flor que leva por nome nenúfar, dunha brancura brillante, cun talo maxestoso de anchas follas verdes. Dende entón, as augas que rodean ao nenúfar son tranquilas e calmas.
Quixo Diana que, posto que Ninfea calmara os lumes da paixón do fillo de Venus no frío elemento da auga, así mesmo o nenúfar tivese a propiedade de calmar, e de embotar os sentidos para non se entregar aos ardores da voluptuosidade.
Dende ese tempo, as ninfas non temen xa ás frechas de Cupido, pois o humilde nenúfar as protexe e sérvelles como antídoto aos ataques do Amor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario