martes, 18 de maio de 2021

Orella de rato

As herbas atopadas ao carón do río Tomeza, coinciden coa “Orella de rato” que se levan buscando dende hai algúns anos.  Esta herba descrita e debuxada polo Padre Sarmiento un 31 de Marzo de 1755, día que coincidía co luns de pascua, na rota de Cabanas a San Cibrán nas proximidades do río Tomeza. Naquel entón a planta aínda non tiña nome botánico e a nomea como “anónima”. En 1797 o Botánico Person a nomea como Myosotis discolor Pers. A cita recollida mais próxima é na Pedra do Lagarto.

En 2015 publicouse,  dirixido por Javier Silva-Pando, a “Flora do río dos Gafos” e só se  atopara  a Myosotis segunda Murray que tamén ten de nome popular “Orella de rato”.

Dende o ano 2018 polo luns de Pascua un grupo de persoas namoradas do noso “Ilustrado” pontevedrés do século XVIII, o Padre Sarmiento emprendemos a busca visitando os lugares onde Sarmiento a atopou. Na búsqueda participan voluntarios de Vaipolorío, asesorados por Calros Solla, Ramón Laxe, Xosé Feijoó e botánicamente por Amancio Castro. Todo esto englobado na Programación de Noites abertas do Concello de Pontevedra. Artigo relacionado



martes, 5 de xaneiro de 2021

A malva na mitoloxía

 "A flor da malva segue no transcurso do día a dirección do sol. A semente ten, segundo Plinio quen cita a Xenócrates, poder afrodisíaco. No Libellus. De secretis mulie-rum —tratado erroneamente atribuído a Alberto Magno escrito en latín entre os séculos XIII e XIV— recoméndase a malva como medio seguro para saber se unha muller moza é virxe ou non. Tamén se di de alguén que morre que vai «criar malvas» en alusión á abundancia destas plantas nos camposantos.Segundo nos contou Carmiña Prado, de Friol, a malva en infusión alivia asmas, toses, catarros,  serve para cicatrizar feridas e para hixienizar as enxivas. É excelente para coidar a calidade da memoria e recoméndanse para curarlles o medo aos propensos a asustarse.No día de  Noiteboa, nalgúns lugares de Galiza poñían en auga durante a cea flores de malva que foran recollidas na madrugada do día de San Xoán.A marabilla da maxia dos solsticios é contemplar como as flores xa mirradas e estragadas, aparecen no amencer do día 25 tersas, frescas e recendentes coma acabadas de cortar. " Micromitos (Antonio Reigosa).