domingo, 28 de novembro de 2021

Carballo do Bosque do Banquete de Conxo - Historia, lenda e curiosidades

Este impoñente carballo  con máis de 250 anos de antigüidade, é a árbore máis veterana do histórico Bosque do Banquete de Conxo. Álzase ao pé dunha das sendas dun “novo” espazo natural situado ao sur de Santiago de Compostela. Dicimos “novo” porque este bosque abriuse ao público fai moi pouco, na primavera de 2018, despois de estar inaccesible nada menos que durante 133 anos, en concreto desde 1885 (data na que a leira orixinal onde se empraza, de máis de 20 hectáreas e bañada polo río Sar, destinouse a espazo só para internos do entón  modernísimo  Manicomio de Conxo. Estamos logo, ante un símbolo, un verdadeiro cofre botánico, un resistente ás tallas indiscriminadas e incendios múltiples que arrasaron os bosques galegos durante os séculos  XIX e  XX, e que foron  diezmando espazos como este, un bosque que en orixe chegou a albergar ata 1.000 carballos. Hoxe queden en pé uns 40, con este  carballo como emblema, rodeado por unha leira de 15.000 metros cadrados.

Foi testemuña, o 2 de marzo de 1856, do insólito e histórico Banquete Democrático de Conxo, celebrado nas súas inmediacións, un acto organizado por estudantes universitarios (principalmente o poeta romántico Aurelio Aguirre) onde os mozos quixeron servir a mesa aos artesáns e obreiros, como un símbolo revolucionario de igualdade, liberdade e fraternidade, os valores democráticos recibidos da Revolución Francesa. Aurelio Aguirre comezou o seu brinde exclamando: “Sol da liberdade, o teu lume dáme!”.

Este bosque fascinou a Rosalía de Castro. A gran poeta das literaturas  galega e castelá denunciaría desde 1881 a talla incontrolada de moitos destes carballos. Fíxoo nun poema titulado precisamente así “Los robles”, do seu libro "A las orillas del  Sar (1884). Chegou a exclamar nos seus versos: “Xamais o esquecerei”, “Profanación sen nome”, e a súa última novela O primeiro tolo (1881), está ambientada toda ela precisamente aquí. Os seus textos de defensa da natureza e destas árbores constitúen hoxe una das primeiras proclamas ecoloxistas e de loita pola saúde das árbores e do medio natural levadas a cabo en toda España.

A nosa árbore está ao pé da entrada en Santiago do Camiño Portugués de peregrinación. A 200 metros da coñecida como “Fonte da Virxe da Concha” (importante lugar de culto e peregrinación, xa citado por Tirso de Molina no século  XVII) e a 300 metros do Mosteiro de Conxo (que conserva un claustro  románico do século  XII).

Ao redor desta árbore, en todo este Bosque do Banquete de Conxo, reuníronse en 2019 ata 5.000 persoas na segunda edición dunha multitudinaria romaría que celebraba a apertura deste espazo natural despois de máis dun século. Diante da árbore levou a cabo, naquela romaría (e tamén na súa primeira edición o ano anterior de 2018, que reuniu a 2.500 persoas), a primeira parada do roteiro,  ante o que hoxe xa se coñece como “O  avó”, “O avó” do bosque.

E finalmente dicir que o  carballo,  o  quercus  robur, definido tamén por Rosalía como “árbore patria”, é a árbore símbolo de Galicia e da súa natureza de bosques sen fin. E Santiago de Compostela, unha das cidades de España con máis metros cadrados de zonas verdes por habitante, supera con fartura os seis árbores por habitante que fixa como obxectivo para 2030 a Comisión Europea.


Importancia da árbore e motivo da presentación ao concurso como Árbore Europea do Ano 2022

Polo contexto histórico que viviu de defensa das liberdades na España gris de mediados do século  XIX; por ser obxecto da denuncia ecolóxica pioneira de Rosalía de Castro; por estar ao pé do Camiño Portugués a Santiago e dun mosteiro de orixe  románico, e por recibir en 2018 e 2019 o abrazo de miles de persoas (veciños de Santiago de Compostela e de Galicia) na festa de apertura ao público deste bosque, consideramos que este enorme  carballo, grande en volume e en historia e apego cidadán, cos seus preto de 30 metros de alto e 250 anos de vida, e bañado polo poético río Sar, merece optar a ser elixido como Árbore Europea do Ano.