venres, 26 de decembro de 2014

Lenda da Herba Mate

Unha tribo indíxena nómade detívose nas ladeiras das serras onde nace o Río Tabay. Cando retomou o seu camiño, un dos membros da tribo, un indio vello e canso polos anos, ficou refuxiado na selva, na compaña da súa filla Yaríi, que era moi bonita. Un día, chegou, ao acocho do vello, un home que posuía unha pel de cor estraña e que se vestía con roupas exquisitas, a quen recibiron con xenerosidade.

O vello ofreceu ao visitante unha carne asada de acutí (Dasyprocta), un roedor da rexión e un prato de tambú, que se prepara cunha larva de carne branca e abundante que os Guaranís crían nos troncos de pindó (palmeira sagrada).

Conta a lenda que o visitante era un enviado do deus do ben, que quixo recompensar tanta xenerosidade proporcionándolles algo que puidesen ofrecer sempre aos seus visitantes e que podería encurtar as horas de soidade ás marxes dos regatos onde descansaban. Para eles, fixo agromar unha nova planta no medio da selva, que chamou de yaríi, deusa que a protexía, e confiou os seus coidados ao seu pai, Cáa Yaráa, ensinándolle a secar os seus ramos ao lume e a preparar unha bebida que poderían ofrecer a todos os que os visitasen. Desde entón, a nova planta crece, ofrecendo follas e pólas para preparar o mate

xoves, 18 de decembro de 2014

Armillaria mellea


Estes días estamos a ter unha invasión deste cogomelos. A foto está sacada en Campolongo, Pontevedra, detrás da igrexa. O toco é dun salgueiro chorón.
Armillaria mellea é un fungo que pode ser patóxeno para as plantas. Causa podremia das raíces en moitas especies de plantas. O cogomelo é comestible pero certas persoas poden ser intolerantes a elas. O fungo produce en determinados momentos cogomelos arredor da base das árbores infectadas. Dado que o fungo produce podremia radicular os síntomas principais detéctanse nas copas das árbores e a morte ou murchamento de ramas. Esta especie é capaz de producir luz por bioluminiscencia.

Curiosidades: Algunhas das  especies de armillaria (fungos do mel)  son os organismos máis lonxevos e grandes do planeta, como por exemplo a armillaria ostoyae, que pode cubrir 8 ou 9 kilometros cadrados e vivir milleiros de anos.

Inglés: Honey coloured agaric. Fran: Armillaire coulert de miet,
Ital: Chiodino. Alem: Honiggelber Hallimasch. Eusk: Bizkarroi. Cat: Alzinoi


domingo, 7 de decembro de 2014

Ramaria Cerdedensis, un novo cogomelo dentro da micoloxía

O experto pontevedrés  en micoloxía,  Jaime Blanco Dios,  anunciou o descubrimento dunha nova especie de cogomelo. Este novo fungo foi recollido en varias ocasións ao longo deste outono no lugar de Cabenca, pertencente ao Concello de Cerdedo. 
Segundo informou o experto, esta nova especie nace sobre madeira podre de carballo (Quercus robur).  O seu descubridor decidiu bautizala co nome de Ramaria Cerdedensis.
O nome específico (cerdedensis) vai dedicado ó concello de Cerdedo, única localidade onde se recolleu ata o momento..
"As diferenzas con outras da súa familia deben verse no microscopio porque a simple vista non se aprecian. Non obstante non son moi frecuentes este tipo de cogomelos de coral en Galicia. Neste lugar non obstante hai varias xuntas. O problema de descubrir unha especie nova é que moitas veces non sabes o rara que é. Todo depende dunha combinación de humidade e temperatura"

mércores, 3 de decembro de 2014

"Paus Borracho" -Chorisia chodat ou Ceiba speciosa

Flor
Ler máis sobre a Ceiba speciosa

As dúas primeiras fotos son do Pau Borracho que temos no paseo de Rosalía de Castro (parque das palmeiras, a carón da antiga Delegación de Educación)